Atletismo Destacado Es noticia 

A andaina “Viño de Monterrei” achegarase ás zonas afectadas polas riadas de xullo

Andaina “Viño de Monterrei” 2019

A sexta edición desta proba deportiva, que se celebrará o 6 de outubro cun percorrido de 20 quilómetros, consolida unha actividade que da visibilidade a un dos eixos estratéxicos da comarca como é o viño.

A 6ª andaina “Viño de Monterrei”, que se celebrará o próximo 6 de outubro, incorporará este ano un apartado solidario achegándose no seu percorrido ata as zonas afectadas polas riadas do pasado 8 de xullo. Esta é a principal novidade desta proba deportiva, presentada hoxe no Pazo provincial coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; a fundadora e responsable de didáctica da Cooperativa Xeitura, Begoña Garrido; e o responsable da área de Cultura e Deportes do Concello de Monterrei, Marcos Meno.

Andaina monerrei 019
Presentación da VI Andaina “Viño de Monterrei”. No Pazo Provincial asisten Rosendo Fernández (VicePresidente Deputación), Jose Luis Suárez (Alcalde de Monterrei), Begoña Garrido (Representante da Cooperativa Xeitura) e Marcos Meno (Responsable area de Cultura do Concello de Monterrei).

Rosendo Fernández subliñou a importancia desta andaina, que segundo dixo “pon en valor o territorio, a paisaxe, o deporte, ocio, gastronomía, e todo vinculado a un sector estratéxico na comarca como é o viño”. Nesta mesma liña expresouse o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, destacando a iniciativa solidaria que inclúe a presente edición visitando as poboación máis afectadas polas intensas choivas do 8 de xullo, “como expresión de apoio a todos os veciños que sufriron as consecuencias das riadas”.

Suárez agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense e de todos os colaboradores da andaina, incluídas cinco das sete adegas da Denominación de Orixe Monterrei ubicadas no municipio, a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Monterrei-Cualedro e, de modo especial, á cooperativa Xeitura que por sexta vez consecutiva é a responsable da organización da proba.

A responsable de Xeitura e o concelleiro de Cultura e Deportes, Marcos Meno, foron os encargados de explicar os detalles da andaina, que terá un percorrido de 20 quilómetros, sen grandes dificultades e con dous puntos de avituallamento. A inscrición terá un custo de cinco euros e poderá realizarse no Concello, na firma Multisport Verín e en Deportes Redonet, este último en Ourense cidade. Ao remate da proba, “que da visibilidade a un traballo dos viticultores en plena vendima”, os participantes poderán probar os caldos da terra nun “túnel do Viño”, ademais de sorteos de agasallos.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.