Atletismo Destacado Es noticia 

A 4ª andaina solidaria da Peroxa celebrarase a favor de AFFOU

4ª andaina solidaria da Peroxa

  • A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o vindeiro domingo, 12 de maio.

O municipio da Peroxa acollerá o vindeiro domingo, 12 de maio, a cuarta edición da súa andaina solidaria que se celebrará a favor da Asociación de fibromialxia, fatiga crónica e sensibilidade química múltiple de Ourense (AFFOU). A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o concelleiro da Peroxa, José Manuel Rodríguez; e a presidenta, a secretaria e a traballadora social da asociación de fibromialxia, fatiga crónica e sensibilidade química múltiple de Ourense (AFFOU), Marina Añel, María Jesús Justel e Leticia Vila.

Presentación da IV andaina solidara do Concello da Peroxa. Asisten na Sala de Xunta do Pazo Provincial, Bernardino González (Asesor de Deportes da Deputación), Jose Manuel Rodríguez (Concelleiro da Cultura do Concella da Peroxa), Marina Añel (Presidenta da AFFOU – Asociación de Fibromialxia de Ourense), Maria Jesús Justel (Secretaria da AFFOU) e Leticia Vila (Traballadora social da AFFOU).

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que conxuga “deporte, saúde e solidariedade, fomentando a vida saudable, así como colaborando economicamente e dando visibilidade ao labor tan importante que realiza esta asociación na nosa provincia”, sinalou Bernardino González. Neste mesmo sentido, o concelleiro da Peroxa dixo que se trata tamén dunha oportunidade “para coñecer as paraxes e a gastronomía do noso municipio”.

A saída e a meta da proba será na praza do Concello da Peroxa. O evento comezará ás 9.30 horas e ofrecerá dúas rutas de 15 e 10 quilómetros, ambas de dificultade media. Así mesmo, para os cativos de 4 a 11 anos haberá un espazo de ocio infantil.

Os interesados en participar poderán anotarse, por un prezo de 5 euros, ata o día 10 de maio mediante ingreso bancario ou o mesmo día da proba. “Os 5 euros da inscrición serán integramente para AFFOU”, sinalou José Manuel Rodríguez.

Pola súa parte, Marina Añel agradeceu “a colaboración da Deputación de Ourense e destes concellos que colaboran con nós a través destas iniciativas” e explicou que o diñeiro recadado será destinado para os fondos da asociación, para costear os gastos dos psicólogos, dos fisioterapeutas, entre outros.

Noticias relacionadas