Atletismo Destacado 

A 7ª andaina do Señor do Larouco dará a coñecer a riqueza paisaxística e patrimonial de Cualedro

O evento deportivo terá lugar o día 17 de setembro.

7ª andaina do Señor do Larouco

A sétima andaina do Señor do Larouco dará a coñecer a riqueza paisaxística e patrimonial do municipio de Cualedro o vindeiro día 17 de setembro, cun traxecto de dificultade media baixa de 18 quilómetros por camiños de terra. A presentación desta cita deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou a deputada provincial, Montserrat Lama; o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero; a presidenta da Asociación de Senderismo Ruta das Augas, Amaya Álvarez; e o colaborador do Concello de Cualedro, Eduardo Castro. 

Montserrat Lama remarcou o compromiso da Deputación de Ourense co deporte e co fomento da vida saudable a través deste tipo de iniciativas e asegurou que “o percorrido desta proba permite aos participantes non só gozar do deporte senón tamén do patrimonio natural e histórico deste municipio ourensá”. 

Pola súa parte, o alcalde de Cualedro dixo que o obxectivo desta iniciativa é “dar a coñecer os recursos paisaxísticos e turísticos do noso municipio”. Ademais, Luciano Rivero sinalou que “podemos retomar esta proba dous anos despois posto que, nos anos anteriores non puidemos celebrala por mor dos incendios forestais, polo que queremos con ela tamén concienciar á xente de que co lume perdemos todos”. 

A saída da andaina será ás 9.00 horas desde A Chaira por terras da Xironda e rematará no mesmo lugar. A participación na andaina é gratuíta e os interesados poderán anotarse no Concello de Cualedro (988424004) ou na tenda Multisport de Verín (600410018), ata o vindeiro sábado, 16 de setembro. “Ata o momento contamos con máis de cen inscritos”, dixo Luciano Rivero. 

Eduardo Castro asegurou que se trata paisaxísticamente “da andaina máis bonita que se fai por aquel entorno e na que nos xuntamos sempre máis de cen persoas”. Mentres que, a presidenta da Asociación de Senderismo Ruta das Augas animou a todo o mundo a participar nesta “proba sinxela e retomar a costume de subir de novo a Larouco para contemplar as súas paisaxes”.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

A %d blogueros les gusta esto: