Costiña de Canedo SaturninoAtletismo Destacado Es noticia 

A “25ª Subida á Costiña de Canedo” primeira carreira do ano en Galicia

Esta competición de carácter popular, impulsada por Saturnino González, celebrarase o vindeiro luns, 1 de xaneiro.

25ª Subida á Costiña de Canedo” – Ourense

A “Subida á Costiña de Canedo”, que chega a súa XXV edición, inaugurará o calendario atlético anual de Galicia. Esta competición de carácter popular, impulsada por Saturnino González, celebrarase o vindeiro luns, 1 de xaneiro, mantendo a esencia que ten desde a súa orixe. A presentación desta iniciativa deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o impulsor da proba, Saturnino González; e a presidenta, o presidente Honorario e o secretario do Club Atletas Veteranos Ourense, Laura López, Alfonso Fernández e Leopoldo Martínez, respectivamente.

Rosendo Fernández explicou que a Deputación colabora con este “tradicional evento deportivo que cada ano conta cun maior número de participantes” e que nesta XXV edición “cada participante recibirá unha árbore ao recoller o seu dorsal co fin de sensibilizar e concienciar sobre o respecto á natureza”.

A proba, con saída ás 12.00 horas, conta cun percorrido de 4.200 metros que, os participantes, poden recorrer a pé, en bicicleta ou con cans. “Ata o momento hai preto de 200 inscritos, pero esperamos chegar aos 250 participantes. Noutras edicións inscribíronse participantes non só de Ourense, senón tamén de lugares como Santiago, Pontevedra, Lugo ou incluso do norte de Portugal”, dixo Leopoldo Martínez.

Os interesados en participar teñen ata hoxe para inscribirse na proba, por un custe de dous euros, a través da plataforma www.championchipnorte.com. “Pode participar todo o mundo, temos categorías que van desde infantil ata os 100 anos e unha categoría especial para discapacitados”, explicou Laura López.

Saturnino González explicou que comezou a realizar esta proba hai 25 anos. Inicialmente facía o percorrido en bicicleta e portando nunha man unha bandexa con doce copas, unha por cada mes do ano, pero na XIX edición mudou a bicicleta polo atletismo, e desde aquela, realiza a proba correndo.

Pola súa parte, a presidenta do Club Atletas Veteranos Ourense dixo que o Club asumira a organización da proba “desde hai tres anos debido a crecente participación na mesma”, mentres que, Alfonso Fernández, destacou a dureza desta competición “tanto polo percorrido que é case todo costa, como pola data na que se desenvolve”.

Noticias relacionadas