Ajedrez Es noticia 

A Liga Galega comezou con derbi local entre Xadrez Ourense e Liceo

Liga Galega de Clubs de xadrez 2018

O Sábado 27 de Xaneiro púxose en marcha a Liga Galega de Clubs 2018 en todas as súas categorías, desde División de Honra ata a 3ª categoría. A Liga 2018 prolongarase ata o vindeiro mes de Maio, nunha competición na que toman parte máis de 200 equipos de toda Galicia e se dan cita en cada xornada aproximadamente, mil  xadrecistas federados.

Como cada ano, son moitos os conxuntos ourensáns que participan nesta importante competición, sendo os máis representativos do xadrez provincial o Club Xadrez Ourense “A”, vixente subcampeón de Liga en 2017 (e campeón en 2016), e o Liceo de Ourense, xa que ambos militan na cada tempada máis potente, División de Honra, nunha competición que será pasaporte para o campeonato de España de Clubs a disputarse en Agosto, en Linares (Jaén), e donde Club Xadrez Ourense aspira a estar presente o vindeiro verán, capitaneado polo Grande Mestre, Iván Salgado.

División de honra

Na primeira Xornada, e dentro da División de Honra, tiña lugar o derbi provincial entre Ourensanistas e Liceístas, finalmente os locais fixeron valer a súa condición de favoritos,  e superaron ao Liceo por un claro 4.5 a 1.5. Os irmáns Gómez Diéguez, David e Adrián, superaron aos experimentados David Baltar e Marcos Lorenzo con negras e brancas respectivamente nos taboleiros dous e tres, mentres que Yudania Hernández superaba con pezas negras nunha longa partida a Juan Carlos Negreira. Pola súa parte o debutante na División de Honra, Martín Gómez Carreño (de tan só 15 anos), lograba a cuarta victoria para os locais tras impoñerse con pezas negras en mesa seis.

Pola súa banda, os dous primeiros taboleiros de cada conxunto, repartían o punto (táboas), tras unha intensa e bonita batalla na que o luso e Mestre Internacional André Ventura, non lograba facer valer a súa pequena vantaxe ante o Mestre Internacional cubano do Liceo, Arián González.

A única victoria visitante chegou de mans do Portugués Armando de Sousa no quinto taboleiro con pezas negras.

Na vindeira xornada o Xadrez Ourense viaxará a terras de Rianxo para tentar manter esta situación de privilexio nos primeiros lugares da clasificación provisional, (2º clasificado ata o momento),  pola súa parte o Liceo recibe ao Círculo de Chantada.

Primeira división

Dentro da primeira división autonómica, hai que salientar a victoria contundente do Universitario de Ourense ante o Xadrez Marín por un rotundo 4 a 0, mentres que Xadrez Ourense “C” e Xadrez Ourense “B”, ambos filiais e obrigados por calendario a enfrentarse na primeira xornada, solventaban o derbi de clube con victoria dos “visitantes” por un axustado 1.5 a 2.5, pola súa banda o recén ascendido Xadrez Verín, caía pola mínima na súa visita a Mondariz por un axustado 2.5 a 1.5.

Segunda división

Na Segunda división grupo surleste,  hai que mencionar a clara victoria do Benchoshey “A” ante o Lucena de Vigo por 3.5 a 0.5, así como o triunfo do Xadrez Ourense “D” sobre o Xadrez Ourense “E” por un apretado 2.5 a 1.5, idéntico resultado ao que se prodiciu en Bande a favor dos locais ante o Verín “B”, do mesmo xeito que Universitario de Ourense “B” que tamén se impuxo pola mínima ao Lalín 2.5 a 1.5. Pola súa parte Ateneo e Xadrez Celanova empataron 2-2.

Crónica: xadrezourense.com

Noticias relacionadas