Ajedrez Destacado Es noticia 

I Xornadas Internacionais de xadrez con Iván Salgado

Na inauguración das ‘I Xornadas Internacionais de xadrez con Iván Salgado’ que se desenvolverán ata o domingo

MARTA MÍGUEZ DESTACA A GALICIA E OURENSE COMO “GRANDES REPRESENTANTES DO XADREZ INTERNACIONAL” POLOS SEUS DEPORTISTAS E CAMPIONATOS

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañada pola delegada territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz, participou na mañá de hoxe na inauguración das ‘I Xornadas Internacionais de xadrez con Iván Salgado’ que se desenvolverán ata o domingo. Alí, a responsable do deporte galego situou a Galicia e Ourense como “dous destinos de deporte e de xadrez porque son grandes representantes do xadrez internacional”.

Nesta liña destacou a figura do campión de España absoluto, Iván Salgado; o Campionato de España en Idade Escolar de xadrez que se celebra por terceiro ano consecutivo en Padrón; e polos outros tres medallistas nacionais cos que conta o Club Xadrez Ourense e que participarán no torneo relámpago que terá lugar  o domingo, Yudania Hernández (bronce nacional feminino), Xacobe Conde (prata nacional alevín) e Martín Gómez (bronce nacional infantil).

No seu relatorio, Míguez valorou a primeira edición dunhas xornadas nas que haberá “conferencias, exhibicións, encontros internacionais… unha ampla programación dedicada a todos os públicos para que maiores e pequenos se sintan atraídos por este gran deporte”.

Xornadas Internacionais de xadrez

Esta actividade, promovida polo Club Deportivo Xadrez Ourense, coa estreita colaboración da Federación Galega de Xadrez e o impulso da Secretaría Xeral para o Deporte e do Consello Municipal de Deportes de Ourense, incluirá un diverso programa de actividades, entre os que destaca a conferencia “Campión de España, de Alevín a Senior” do Venres ás17:00, a Exhibición de Simultáneas do Sábado ás 12:00, o Match Internacional entre Galicia e Portugal programado para o Sábado ás 17:00 horas, e incluso un Torneo de Blitz (3+2) con importantes premios, e no que xa está confirmada a participación do vixente campeón de España.

Noticias relacionadas