Actividades Destacado Es noticia 

A Xunta ofrece as instalacións da AGASP para as concentracións dos deportistas de alto nivel galegos

Informa tamén que en 2017, dende a Secretaría Xeral para o Deporte, repartíronse 600.000 euros ao abeiro da convocatoria de axudas a deportistas de alto nivel no 2017

Os deportistas de alto nivel poderán concentrarse na sede da Academia Galega de Seguridade Pública

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, avanzaron hoxe que a Administración autonómica está a ultimar un convenio para que os deportistas de alto nivel poidan concentrarse na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Rueda e Míguez acompañaron hoxe a representantes das federacións deportivas galegas a unha visita polas instalacións que a AGASP ten no concello pontevedrés da Estrada, e que contan con recursos como residencia, ximnasio, sala de tatami, ou pistas exteriores.

A AGASP tense convertido nun centro de referencia a nivel estatal, e cada ano vai ampliando o seu uso, así como os colectivos que se poden beneficiar dos seus recursos e actividades.

A Academia oferta formación a bombeiros, Policías Locais, Protección Civil ou GES. Ademais, mantén colaboracións coa iniciativa privada, con universidades, coa Policía Nacional ou a Garda Civil. En definitiva, aposta pola formación de calidade para todos aqueles corpos que teñen que ver coa seguridade ou as emerxencias.

Agora, coa colaboración que se vai abrir cos deportistas galegos, a AGASP continúa mellorando o seu abano de actividades, optimizando o seu uso e reafirmándose como un centro de referencia a nivel estatal.

AXUDAS A DEPORTISTAS DE ALTO NIVEL DGAN 2017

A Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar na súa páxina web a resolución do 22 de decembro do Padroado da Fundación Deporte Galego sobre a convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel ‘Axudas DGAN 2017’. Ao abeiro desta resolución, a Secretaría Xeral para o Deporte aprobou 258 solicitudes, valorou 516 axudas e concedeu 313 por importe de 600.000 euros para os deportistas galegos e galegas de alto nivel nas anualidades 2015 e 2016. Cómpre lembrar que a principal novidade desta convocatoria é que poden solicitar axuda todos aqueles deportistas que estean ou estiveran recoñecidos pola Secretaría Xeral para o Deporte coma Deportistas de Alto Nivel nalgún momento dos anos 2015, 2016 e 2017 (aínda que a día de hoxe non estea vixente o recoñecemento).

Das 270 solicitudes rexistradas, 258 foron aceptadas e de aí valoráronse 516 axudas (nalgúns casos dúas por solicitante para os anos 2015 e 2016). Do total de axudas valoradas concedéronse 146 atendendo aos méritos acadados no ano 2015 e outras 167 no ano 2016, mentres que 203 foron denegadas por non acadar a puntuación suficiente ou ben non ter o recoñecemento DGAN no ano en cuestión.

Máis ao fondo, das 313 axudas concedidas, 208 foron para homes e 105 para mulleres, o 34% do total, unha porcentaxe que medra con respecto as axudas a deportistas de alto nivel concedidas en 2016. Ademais, 21 axudas foron olímpicas cun importe de 129.500 euros (unha axuda DGAN de ouro, dúas de prata, 11 por diploma e 7 por participación).

Axudas DGAN 2017

Esta convocatoria de axudas sae despois da resolución da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista de deportistas recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel polo procedemento iniciado en xuño de 2017. Ao abeiro desta resolución 28 novos  deportistas (19 homes e 9 mulleres) son recoñecidos como deportistas de alto nivel que se suman aos 330 recoñecidos en anteriores convocatorias. Deste xeito, Galicia conta no momento actual con 358 deportistas galegos de alto nivel (224 homes e 134 mulleres).

Novo decreto

A Secretaría Xeral para o Deporte está a traballar na elaboración do proxecto de decreto que desenvolverá ao deporte de alto nivel en Galicia. O pasado mes de xullo deuse inicio ao trámite de participación cidadá para compilar a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectadas polos futuros regulamentos acerca dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

O obxectivo é a regulación do deporte de alto nivel de Galicia de xeito que os deportistas, adestradores, árbitros e xuíces galegos que adquiran este recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, entre outros.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario