Actividades Destacado Es noticia No solo deporte 

Pazolandia cumpre 25 anos

No Pazo dos Deportes do 26 de decembro ata o 4 de xaneiro de 2018

Pazolandia 2017

O maior parque estacional de Galicia, Pazolandia, que organiza a Deputación de Ourense, cumpre 25 anos e abre as súas portas no Pazo dos Deportes do 26 de decembro ata o 4 de xaneiro de 2018, con dúas sesión diarias, desde as 11.00 horas ás 14.00 horas e desde as 17.00 ata as 20.00 horas. A presentación desta iniciativa tivo lugar no Pazo dos Deportes “Paco Paz”, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; e o coordinador da actividade, José Domarco.

Rosendo Fernández dixo que un ano máis “miles de persoas volverán participar nesta actividade, que ten a nenos e xóvenes como protagonistas”, e lembrou que o presidente da Deputación de Ourense “invitou por carta a unha importante representación de centros de acollida de nenos e entidades de diversas de carácter benéfico, para que ningún neno da provincia, por razóns económicas, deixe de participar en Pazolandia”. Tanto o vicepresidente como o asesor de Deportes da Deputación quixeron destacar e agradecer o labor que está a realizar todo o persoal para que os rapaces poidan gozar desta actividade nestas datas tan sinaladas.

O prezo da entrada ao parque mantense en 4 euros e, para os nenos que veñen a través dos concellos da provincia o prezo da entrada é de 3 euros. As entradas poderán adquirirse nas taquillas do recinto ou a través de Internet na páxina www.pazolandia.es.

Pazolandia, que comezou a desenvolverse no Nadal do ano 1993, ofrece máis de cen actividades diferentes que van desde as atraccións clásicas de feira, obradoiros, animación puntual, ludotecas, así como un multiespazo de videoxogos, obradoiro de realidade virtual, inchables, entre outras. “Na zona exterior estarán seis atraccións para nenos de entre 8 e 14 anos e no interior, todas as outras actividades. Nesta edición, a novidade é a ampliación da zona de obradoiros e un novo circuíto de autos de radio control, que poden acadar os 70 km/h”, destacou José Domarco.

Asemade, o coordinador de Pazolandia explicou que outra das novidades deste ano é unha pantalla de vídeo no pavillón principal, na que se poderán visualizar as actividades que se vaian realizando.

En total Pazolandia ocupa unha superficie de 8.000 metros cadrados nos diferentes espazos do pavillón de deportes e nos exteriores da instalación. Na actividade traballan sobre 80 persoas, entre persoas das atraccións, limpeza, monitores de animación, técnicos electricistas e de mantemento, montadores, coidadores, taquilleiros, Cruz Vermella, médicos, vixilantes e persoal administrativo.

Noticias relacionadas