Actividades Es noticia 

Marta Míguez, secretaria xeral para o Deporte, na presentación oficial do novo curso do Centro Galego de Tecnificación Deportiva

Marta Míguez garante “unha formación integral na que os estudos académicos van parellos á formación deportiva” dos máis de 200 rapaces vencellados ao CDTD no inicio do novo curso

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou hoxe na presentación oficial do novo curso 2017-2018 do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Alí, a responsable do deporte galego garantiu “unha formación integral na que os estudos académicos van parellos á formación deportiva”. “Só así ten sentido un centro deste tipo, deporte e educación deben moverse como un binomio perfecto”, engadiu. No inicio do seu relatorio, a secretaria dirixiuse aos máis de 200 rapaces vencellados ao CGTD e ao Centro Galego de Vela e especialmente aos 162 bolseiros seleccionados para este novo curso para trasladarlles os parabéns en nome de todos os galegos e galegas e definilos como “o noso mellor potencial, patrimonio e referentes para o resto de deportistas e para a sociedade en xeral, exemplo de comportamento, de compañeirismo, de loita e constancia, de saber gañar e saber perder, de rexeitamento fronte actitudes violentas e de xogo limpo”.

Nas súas verbas, a titular de Deporte destacou os os 21 deportistas olímpicos saídos do CGTD que demostran que “sen comenzar grandes aventuras non poderiamos celebrar grandes éxitos ao final do camiño”. Neste sentido, a secretaria xeral celebrou que “hoxe o deporte xa se vai asentando na nosa sociedade como un piar básico, como unha fonte de saúde e de satisfacción persoal”.

Ao fío desta idea, a máxima responsable do deporte de Galicia agradeceu o apoio da familia, á que identificou como a “base sólida” de todos os deportistas. “Entendo a preocupación relativa que podedes ter ao deixar aos vosos tesouros máis prezados noutras mans que non son as vosas, para nós é unha responsabilidade aínda maior que asumimos en toda a súa dimensión e por iso lles digo que non teñan dúbidas ante esta gran oportunidade”, sentenciou.

Para optimizar o deporte galego, dixo a secretaria, débense mellorar todos os seus ámbitos: instalacións, formación, competicións, subvencións a clubs e entidades, axudas ás federacións, bolsas a deportistas de alto nivel, apoio a eventos ou a aposta polo deporte base. “Todos estes puntos conforman o día a día da SXD e podemos dicir ben orgullosos que para acadalos temos no CGTD a unha das nosas mellores ferramentas”, aseverou.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

A %d blogueros les gusta esto: