Control ExpourenseActividades Destacado Es noticia 

Expourense convierte al deporte en un dinamizador de su actividad

Pista de atletismo cuberta e o Salón do Deporte e Turismo Activo-Sportur Galicia converten ao deporte nun sector estratéxico para a Fundación

A internacionalización e o turismo deportivo marcaron a actividade de Expourense en 2017

  • O recinto acolleu 11 feiras, dúas delas internacionais, e 29 eventos que atraeron a 89.000 visitas e a 940 expositores de 46 países
  • A instalación da pista de atletismo cuberta e a celebración do I Salón do Deporte e Turismo Activo-Sportur Galicia converten ao deporte nun sector estratéxico para a Fundación

Expourense presenta os datos do ano 2017 que profundizou na liña da internacionalización e na cooperación público-privada, factores clave da súa actividade para contribuír a xerar novas oportunidades de negocio ás empresas galegas. A instalación da pista de atletismo cuberta e a posta en marcha de Sportur Galicia, o I Salón do Deporte e Turismo Activo, marcaron sen dúbida a actividade do último ano, convertendo ao deporte e ao turismo deportivo en sectores estratéxicos para a Fundación.

Expourense Memoria 2017

Durante o 2017 Expourense celebrou 11 feiras, 2 das cales (Xantar e Termatalia) foron de carácter internacional o que supón que Expourense organizou a metade das citas internacionais celebradas en Galicia o ano pasado. A presenza de 940 expositores e 89.000 visitas procedentes de 46 países reforza á internacionalización como un dos grandes eixos da actividade de Expourense durante o pasado ano no que o recinto reforzou a súa rede de socios estratéxicos en Europa e América Latina, rede que se estendeu ademais a Oriente Próximo e Asia-Pacífico.

A memoria de actividades de Expourense 2017 foi presentada esta mañá nun acto no que interviron a directora xeral de Comercio da Xunta, Sol Vázquez; o alcalde de Ourense e vicepresidente executivo de Expourense, Jesús Vázquez; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o vicepresidente da CEO, Alejandro Cruz, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín. Estiveron acompañados polo resto de membros do Padroado da Fundación Expourense como o director territorial de ABANCA, Rubén Saavedra, ou o alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández.

Durante as intervencións quedou patente que o 2017 foi un ano de transición no que o recinto buscou a compatibilidade entre a actividade feiral e a deportiva. “Foi un gran reto que se fixo realidade e o reto para 2018 e acadar a compatibilidade total. Expourense segue a ser un referente e o buque insignia da actividade feiral en Galicia”, tal e como explicou a directora xeral de Comercio.

Estas son as premisas baixo as que desenvolveu a súa actividade en 2017 a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, que se consolida como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a enogastronomía ou a automoción, e aos que se engade agora o deporte. Por todo o anterior, as feiras e eventos promovidos por Expourense exerceron de axente dinamizador da actividade económica galega conseguindo ademais a involucración dos empresarios e fomentando o asociacionismo.

Todos os certames contaron coa presenza de 940 expositores, unha cifra semellante á do ano anterior e que indica o grao de fidelización e confianza das empresas e institucións polos proxectos levados a cabo por Expourense.

Novidades

Na súa busca de novos nichos de mercado para as empresas expositoras, Expourense estreou en 2017 dúas feiras: o xa mencionado Salón do Deporte e Turismo Activo – Sportur Galicia que naceu co obxectivo de dar a coñecer Galicia como destino activo e saudable e promocionar a multitude de opcións que esta comunidade ofrece para os afeccionados ao deporte e ás actividades ó aire libre; e Bebega, Mostra do Bebé de Galicia que xurdiu como un escaparate do comercio local especializado.

Entre os certames profesionais celebrouse a 18ª edición de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que contou con Panamá como país invitado. De carácter bienal, tamén se celebrou en 2017 a 7ª edición de VINIS TERRAE que reuniu a 60 adegas galegas con 100 importadores procedentes de 19 países que representan mercados de interese para o viño galego. Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, volveu ser unha das grandes citas do ano para esta Fundación reunindo a máis de 250 expositores de 40 países.

No referente ás citas de carácter mixto celebrouse unha nova edición de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, o único salón destas características en Galicia e que consegue a involucración activa de todos os axentes vencellados á prevención.

Aposta local

Expourense tamén organizou en 2017 citas orientadas ó público xeral de carácter comercial que convocaron a diferentes sectores, servindo de plataforma especialmente para o comercio local e contando co apoio de asociacións empresariais como é o caso dos centros comerciais abertos ou de A.C.A.U.T.O. (Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense). Con esta última, Expourense coorganizou a 9ª edición do Salón do Automóbil (Novo e de Ocasión) que é unha das citas que xenera maior volumne de negocio con máis de 400 vehículos vendidos. No 2017 cumpriu a súa maioría de idade Celebra, Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais que volveu contar cunha pasarela de moda na que as empresas ourensáns mostraron a calidade e a innovación coa que traballan. O resto de citas do ano foron a 24ª Mostra da Oportunidade e Megaxove, 18º  Salón da Xuventude.

Promoción internacional de Galicia

No referente á actividade feiral de Expourense é preciso apuntar a promoción que dos distintos salóns, e dos sectores vencellados a eles, se realizou durante todo o ano nunha vintena de exposicións que tiveron lugar noutros puntos de Galicia, España,

Europa e América Latina. Citas como Xantar, Termatalia ou VINIS TERRAE estiveron presentes nas principais feiras internacionais vencelladas ó turismo (FITUR Madrid, BTL Lisboa, ITB Berlín, etc.) e nos foros profesionais máis importantes dos correspondentes sectores, proxectando polo tanto a “marca Galicia”.

Deste xeito, Termatalia 2017 e o potencial termal de Galicia e Ourense foron presentados, entre outros foros profesionais, no Congreso da Asociación Latinoamericana de Spa en México; no Encontro Anual da Asociación Europea de Cidades Termais (EHTTA) en Caldas da Rainha (Portugal); no Congreso Anual da Asociación Europea de Balnearios celebrado en Roma;  no Tianguis Turístico de México, no FIT Cataratas de Brasil, na Health Tourism Conference de Croacia ou no Congreso Internacional de Calidade Turística en Colombia.

Outras citas como Xantar contribuíron a reforzar as relacións de cooperación transfronteiriza con entidades do Norte de Portugal a través da presenza en eventos organizados pola Entidade de Turismo Porto e Norte, principal socio estratéxico de Expourense no país veciño.

Para realizar este labor, Expourense conta na actualidade cunha rede integrada por 30 delegacións que operan en máis de 50 países de catro continentes.

Por outro lado, no 2017 asináronse dous importantes convenios para a celebración de dous eventos relevantes que terán lugar no 2018 e que contribuirán de novo a posicionar a Ourense nacional e internacionalmente. O primeiro deles foi o asinado en Foz do Iguaçu para converter a esta cidade na sede de Termatalia Brasil 2018, o proxecto máis internacional de Expourense. O outro gran evento previsto para este ano será a Semana Internacional do Baile Deportivo de Ourense, unha cita que reunirá a 3.000 participantes entre o 22 e o 24 de xuño, que terá lugar no Pazo dos Deportes “Paco Paz” e en Expourense.

Apoio a Autónomos e Microempresas

Durante o 2017, Expourense presentou de novo alternativas de apoio aos empresarios poñendo en marcha distintas accións destinadas a autónomos e microempresas. Máis de 40 emprendedores puidéronse beneficiar de taxas bonificadas que lles permitiron contactar con novos clientes, e deste xeito fomentar o crecemento da súa empresa, tamén a nivel internacional. En salóns como Xantar e VINIS TERRAE, a Consellería de Medio Rural colaborou con Expourense para facer posible a presenza nestas citas de pequenos produtores, viticultores. e colleiteiros.

Posta en valor da innovación e a calidade

A confluencia nas feiras e eventos celebrados en Expourense dos axentes públicos e privados implicados nos sectores económico converten a estas citas no escenario axeitado para recoñecer publicamente a aposta pola innovación, a calidade e o emprendemento dos empresarios, traballadores e futuros profesionais.

Deste xeito, Expourense entregou no 2017 unha nova edición dos “Premios Xantar Internacional” e dos ”Premios Termatalia Internacional” que recoñeceron a aquelas entidades e empresas que fixeron unha firme aposta por estes salóns presentando produtos novidosos ou desenvolvendo múltiples accións promocionais. Celebrouse ademais a 7ª edición dos Premios Líderes en Calidade, outorgados a cinco empresas galegas que destacaron como base da súa actividade a capacidade de adaptación ó novo contexto empresarial xurdido da conxuntura económica actual. Esta edición incluíu unha mención especial para a Confederación Empresarial de Ourense, CEO, que recoñecía os seus 40 anos de traxectoria.

Ademais, a innovación estivo presente de xeito transversal no calendario feiral con actividades como a 11ª Xornada de Divulgación das Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética que estivo centrada na arquitectura sostible.

Formación

No 2017, Expourense fixo un importante esforzo á hora de promover, organizar e acoller xornadas, cursos e seminarios de formación ou actualización profesional. Nas diversas convocatorias, ben complementando ás feiras ou de xeito individual, participaron máis de 300 relatores nacionais e internacionais. Foron seguidas por máis de 10.500 asistentes.

Cabe destacar a estreita cooperación que Expourense mantén coa Universidade de Vigo e que se materializaron o ano pasado na celebración no recinto do II Simposio Internacional sobre Auga e Calidade de vida, xunto co Concello de Ourense e a Deputación Provincial. Este tipo de cooperación tamén se mantén coa Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ao facilitar desde a Fundación a participación de alumnos dos distintos ciclos formativos de toda Galicia nas feiras que promove para que teñan un contacto directo cos sectores.

Expourense é un centro homologado para impartir capacitación profesional a través dos cursos do Plan de Accións Formativas para Desempregados (AFD). Durante o 2017 impartíronse aquí catro cursos.

Eventos

As instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a organización dunha trintena de eventos de distintas entidades públicas e privadas. Estas citas indican que outras empresas confían nas infraestruturas e soporte de Expourense para organizar as súas actividades.

Pista de Atletismo Cuberta

A instalación da pista cuberta de atletismo no 2017 supón para este recinto unha nova oportunidade de diversificación da actividade. O 16 de decembro de 2017 inaugurábase en Expourense a única pista de atletismo hidráulica cuberta do Noroeste Peninsular. Cun investimento de 3 millóns de euros, ten 200 metros e dispón de oito cales na parte central e seis na periférica, que permiten desenvolver diversas disciplinas.

O proxecto, impulsado pola Xunta de Galicia, permite contar a Ourense coa pista de atletismo cuberta máis moderna de España, unhas instalacións que se sitúan entre o tres mellores do Estado e que permitirán que a cidade acolla competicións deportivas nacionais e internacionais e garantindo unha intensa ocupación do recinto nos meses de inverno. Durante oi primeiro mes de funcionamento da pista, houbo competicións todas as fins de semana.

Labor Social

Expourense ten ademais como obxectivos a promoción de actividades e accións sociais e educativas, que se reflicten na colaboración con asociacións e organizacións que traballan a prol da sociedade, dende os máis diversos ámbitos. Expourense colabora activamente con entidades como o Banco de Alimentos de Ourense, DIME Ourense, Alcer, Asociación Diabética Auria, etc.

Con todo isto, o obxectivo da Fundación Expourense é continuar a ser un eixo vertebrador no que empresas, colectivos e sociedade en xeral atopan o seu punto de encontro.

Noticias relacionadas