Actividades Deportes invierno Es noticia 

A Deputación de Ourense presentou o programa “EsquiOU 2018”

Máis de 700 nenos da provincia de Ourense participarán un ano máis na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda nas actividades de lecer e deportes de inverno previstas entre os meses de xaneiro e marzo.

Esquiou 2018

Manuel Baltar presentou hoxe xunto ao director da estación, Gustavo Sanmartín, esta iniciativa organizada pola Deputación de Ourense en colaboración con Oca Nova Manzaneda.

“Trátase dunha actuación máis no ámbito da infancia como as que vimos desenvolvendo desde a institución provincial como Pazolandia, a Semana Escolar, as actividades das Letras Galegas ou as axudas á natalidade, todas elas poñendo o acento no apoio social, cultural e de lecer dos máis novos”, afirma Manuel Baltar.

A Deputación de Ourense, en colaboración con Oca Nova Manzaneda, organizan un ano máis o programa “Esquiou 2018”, que ofrece a posibilidade de achegar a práctica de deportes de inverno e actividades de lecer a máis de 700 nenos da provincia de Ourense de idades comprendidas entre 9 e 12 anos. A presentación desta iniciativa deportiva tivo lugar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a cargo do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do director da Estación Oca Nova Manzaneda, Gustavo Sanmartín.

Manuel Baltar destacou que se trata “dunha actuación máis no ámbito da infancia como as que vimos desenvolvendo desde a institución provincial como “Pazolandia”, o maior parque de atraccións estacional de Galicia; a Semana Escolar da Provincia e a túa Deputación; as actividades das Letras Galegas, achegando aos máis mozos os autores máis senlleiros da nosa literatura, ou as axudas á natalidade, todas elas poñendo o acento no apoio social, cultural e de lecer dos máis novos”, afirma Manuel Baltar. E por cuarto ano consecutivo “EsquiOU” “acerca aos nenos da provincia á estación de Cabeza de Manzaneda, un referente de natureza e deporte de montaña en Galicia e no Norte de Portugal”, sinalou o presidente da Deputación de Ourense.

Pola súa parte, o director da Estación Oca Nova Manzaneda dixo que todas as convocatorias de EsquiOU “son un éxito e cada ano temos máis inscricións”, e animou á participación porque a “estación de Cabeza de Manzaneda é un ben que temos na provincia e que queremos potenciar”, dixo Gustavo Sanmartín.

O programa “EsquiOU”, que pon a disposición 735 prazas para nenos de 9 a 12 anos nas sete zonas xeográficas da provincia, ofrece un completo programa que inclúe aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e outras actividades complementarias para nenos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 31 de decembro de 2009. A duración é de dúas noites e tres días, de luns a mércores.

O programa divídese en sete quendas de 105 persoas cada unha. Deste modo, as quendas serán organizadas por proximidade xeográfica para facilitar a integración e a convivencia entre os participantes. De non cubrirse as prazas nunha quenda e haber demandantes en espera doutras comarcas, iranse reasignando por orde de inscrición. Así, a primeira quenda, que vai do 22 ao 24 de xaneiro, será para as comarcas de Terra de Celanova e Baixa Limia; a segunda, do 29 ao 31 de xaneiro, será para as comarcas de Allariz, Maceda e A Limia; a terceira, do 5 ao 7 de febreiro, será O Ribeiro e Carballiño; a cuarta, do 12 ao 14 de febreiro, para a comarca de Ourense; a quinta, do 19 ao 21 de febreiro, para as comarcas de Verín e Viana; a sexta, do 26 ao 28 de febreiro, para Valdeorras; e a sétima quenda, que vai do 5 ao 7 de marzo, para as comarcas de Terra de Caldelas e Terra de Trives.

Os interesados en participar no programa poden inscribirse ata o día 15 de xaneiro de 2018 a través do correo electrónico esquiou@depourense.es. O custe para cada participante será de 29 euros.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario