Actividades Destacado Es noticia 

As piscinas de Oira e Pavillón abertas o público desde este sábado

O Concello de Ourense abre ao público este sábado as piscinas de Oira e a exterior do Pavillón dos Remedios

  • As piscinas exteriores de Oira contarán cun horario ininterrompido de 11:00 a 21 horas até o 9 de setembro. O acceso é libre e gratuíto.

  • Para a posta a punto do espazo de Oira (1.500 metros cadrados de lámina de auga e 6.500 de zona axardinada) investíronse preto de 30.000 euros.

  • A apertura da piscina exterior farase o vindeiro luns día 11 de xuño por mor dunha competición que se disputa na piscina Rosario Dueñas. O horario será de 11:00 a 21 horas, pero permanecerá pechada os domingos dos meses de xullo e de agosto.

Achégase o verán e, malia as condicións meteorolóxicas adversas, o Concello de Ourense -a través do Consello Municipal de Deportes- abre ao público as piscinas municipais ao aire libre. Equipamentos de lecer ideais para combater as altas temperaturas do verán con 1.500 metros cadrados de lámina de auga -con tres vasos descubertos, dous deles de tipo recreativo, o vaso grande de Oira e o exterior dos Remedios, e un de chapoteo, en Oira, para os cativos- e unha superficie axardinada de case 6.500 metros cadrados ao redor.

Para acondicionar todos estes espazos, o persoal do Consello Municipal de Deportes realizou diferentes actuacións para prestarlle o mellor servizo:

Piscinas exteriores de Oira

Desde o sábado 9 de xuño, as piscinas exteriores de Oira contarán cun horario ininterrompido de 11:00 a 21 horas até o 9 de setembro. O acceso a esta instalación é libre e gratuíto. Un réxime de apertura implica mobilizar máis de quince traballadores todos os días de verán.

Para a posta a punto investíronse preto de 30.000 euros: No vaso grande, acondicionamento das tubarías de difusión e de depuración, bombeos e instalacións precisas para unha nova toma de barredeira, chorreo da base do vaso para retirar a pintura vella e pintado de vaso e praias, podas das árbores e acondicionamento de soleiras axardinadas. No vaso pequeno as tarefas foron de restauración e acondicionamento de soleira existente.

Piscina exterior do pavillón dos Remedios

Por mor dunha competición que se disputa nas instalacións da piscina Rosario Dueñas, a apertura da piscina exterior farase o vindeiro luns día 11 de xuño. Esta instalación dispón dun espazo de 900 metros cadrados para o lecer no corazón mesmo da cidade.

O horario de apertura, igual que en Oira, será ininterrompido de 11:00 a 21 horas, pero permanecerá pechada os domingos dos meses de xullo e de agosto.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.