Actividades Destacado Es noticia 

As piscinas de Oira e a exterior do Pavillón abertas desde o sábado 8

O Concello de Ourense abre ao público este sábado as piscinas de Oira e a exterior do Pavillón dos Remedios

  • As piscinas exteriores de Oira contarán cun horario ininterrompido de 11:00 a 21 horas até o 15 de setembro. O acceso é libre e gratuíto.
  • Para a posta a punto do espazo de Oira (1.500 m2 de lámina de auga e 6.500 m2 de zona axardinada) fíxose un investimento de 15.000 euros.
  • A apertura da piscina exterior dos Remedios será tamén este sábado, en horario de 11:00 a 21 horas. Pechará os domingos de xullo e de agosto.

Achégase o verán e, malia as condicións meteorolóxicas adversas destes días, o Concello de Ourense -a través do Consello Municipal de Deportes- abre ao público as piscinas municipais ao aire libre. Equipamentos de lecer ideais para combater as altas temperaturas do verán con 1.500 m2 de lámina de auga -con tres vasos descubertos, un deles de tipo recreativo, o vaso grande de Oira e o exterior dos Remedios, e un de chapoteo, en Oira, para os cativos- e unha superficie axardinada de case 6.500 metros cadrados ao redor.

Para acondicionar todos estes espazos, o persoal do Consello Municipal de Deportes realizou diferentes actuacións para prestarlle o mellor servizo:

Piscinas exteriores de Oira

Desde o sábado 8 de xuño, as piscinas exteriores de Oira contarán cun horario ininterrompido de 11:00 a 21:00 horas até o 15 de setembro, coa posibilidade de adiar unha semana esta data en función do tempo. O acceso a esta instalación é libre e gratuíto. Un réxime de apertura implica mobilizar máis de 10 traballadores todos os días de verán.

Para a posta a punto investíronse preto de 15.000 euros: Traballos de xardinería, traballos de pintado dos vasos xunto con restauración e acondicionamento de soleira existente.

Piscina exterior do pavillón dos Remedios

A apertura da piscina exterior farase tamén este sábado 8 de xuño. Esta instalación dispón dun espazo de 900 metros cadrados para o lecer no corazón mesmo da cidade.

O horario de apertura, igual que en Oira, será ininterrompido de 11:00 a 21 horas, pero permanecerá pechada os domingos dos meses de xullo e de agosto.

Noticias relacionadas