Megaxove Expourense 2017Actividades Es noticia 

Abre as portas Megaxove, punto de encontro da mocidade galega

Megaxove permanecerá aberto en Expourense hoxe ata ás 20.00 horas e o horario de mañá mércores será de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h

18º Salón da Xuventude- Expourense

Megaxove abriu esta mañá as portas da súa 18ª edición cun programa de máis de 30 actividades vencelladas á tecnoloxía, á educación, ó lecer ou ó deporte que están a servir de punto de encontro para a mocidade e as súas familias. Ata mañá ás 20.00 horas, o Salón da Xuventude serve ademais de plataforma para darlle visibilidade á labor que realizan durante todo o ano as asociacións xuvenís e clubes deportivos como é o caso da Asociación Xuvenil Amencer, de Cruz vermella Xuventude ou da Asociación Cultural Xuvenil Cipri Gomes. A vintena de expositores que participan nesta edición ofrecen unha ampla mostra das distintas opcións existentes para elixir as actividades extraescolares ou para o período vacacional: voluntariado, robótica, impresión 3D, estancias no estranxeiro para aprender idiomas, kung-fu, xadrez, atletismo, etc.

Megaxove contou esta mañá coa visita da Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez, quen indicou que “citas como esta contribúen a espertar o interese dos máis novos en actividades relacionadas coa solidariedade ou coa adopción de hábitos de vida saudables”. Comentou ademais que para a edición de 2018, o Salón da Xuventude podería contar ademais coa pista de atletismo que se construíu no recinto de Expourense e que será inaugurada o vindeiro 16 de decembro o que suporá “un valor engadido para Megaxove”. Marta Míguez estivo acompañada na súa visita pola xefa territorial de Xuventude, María José Fernández Laso; polo xefe territorial de Deportes e concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede; e polo asesor de deportes da Deputación Provincial de Ourense, Bernardino González.

Centos de alumnos do IES 12 de Outubro e escolares co CPR Luis Vives, entre outros, foron os primeiros en visitar Megaxove na súa primeira mañá de actividade elixindo entre as múltiples opcións que ofrecían os expositores. Coincidindo coa celebración hoxe do Día Internacional do Voluntariado, o obxectivo destas actividades non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou ó respecto ó Medio Ambiente.

Solidariedade

O Salón da Xuventude, que conta co apoio da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e da Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, cumpre a súa maioría de idade animando aos visitantes a amosar a súa solidariedade con máis desfavorecidos colaborando coa doazón de alimentos non perecedeiros que irán destinados á “Operación Quilo”. Tamén están a recoller xoguetes en bo estado e doazóns en metálico.
A novidade deste ano é a campaña de recollida de material escolar (libretas, lapiceiros, marcadores, etc.) que puxo en marcha en Megaxove o Rally Solidario de Galicia Sport Raid Team e Escudería Ourense Raid e que entregará na vindeira proba (Madrid-Marrakech). Tamén organizarán unha exposición dos vehículos cos que corren esta competición.

Robótica, drons a impresión 3D

Co obxectivo de atraer ao público xuvenil, entre as principais novidades desta edición destacan os obradoiros de programación e impresión 3D que está a ofrecer a empresa “+ que 3D”. Organizan en total 2 obradoiros cada día e tamén ofrecen unha charla sobre qué son as impresoras 3D e todas as súas posibilidades. Por outro lado, “Escolabs” está a facer exhibicións de voo de drons nun vistoso circuíto e están a impartir tamén un obradoiro de Robótica. Estas actividades foron as maís demandadas esta mañá polos visitantes de entre 10 e 13 anos.
Pola súa parte, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa instalou en Megaxove un Aula de Realidade Virtual a través da cal presenta ás familias de cursos que poden realizarse en Galicia (Automoción, cociña, sanidade, etc.).

O deporte será coma sempre un dos grandes protagonistas de Megaxove. Entre as actividades previstas ara mañá as clases de introdución ao Roller Derby da Asociación As Lobas de Morgana; os adestramentos de Kung-Fu do Clube Kung-Fu Barbadás e o Ximnasio Fitness Forma; as mini competicións de Atletismo organizada polo Clube Atletismo Ourense; os circuítos en bicicleta ou o xa clásico Torneo de Xadrez Megaxove convocado polo Clube Xadrez Ourense.

Para esta tarde está prevista a visita dos xogadores da Unión Deportiva Ourense e a actuación da Escola de Baile e Danza da Deputación Provincial de Ourense.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario