Actividades Destacado Es noticia 

A X Festa Popular do Concello de Baltar propón xogos tradicionais nuha xornada sen alcohol

O evento terá lugar o vindeiro sábado, 4 de agosto. Programación X Festa Popular do Concello de Baltar.

Xogos tradicionais e xornada sen alcol, na X Festa Popular do Concello de Baltar

O Concello de Baltar recupera os xogos tradicionais na celebración da X edición da súa Festa Popular que terá lugar o vindeiro sábado, 4 de agosto, cunha programación que inclúe, ademais de xogos, música, gastronomía, deporte, entre outras actividades. A presentación desta cita lúdica tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e a concelleira de Cultura de Baltar, José Antonio Feijóo e Gemma Rodríguez; e os organizadores, Verónica López e Alejandro Rodríguez.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que vén a sumarse “ás múltiples propostas que organiza o municipio de Baltar, que recentemente presentaba a cuarta edición de LaroucoFest, e que chega agora cunha actividade para conservar e potenciar as nosas tradicións”, sinalou Rosendo Fernández. Nesta mesma liña, o alcalde explicou que esta celebración “baséase en fomentar a relación cos nosos irmáns portugueses; en potenciar as tradicións e en animar á xente a prol dunha vida saudable”, destacando que ao longo do día “haberá convites de bebidas sen alcohol, e degustación de produtos gastronómicos da nosa terra”.

Gemma Rodríguez dixo que con este tipo de iniciativas pretendemos “continuar a dinamizar o rural”, e destacou a crecente afluencia de público á festa, afirmando que “o éxito de participación desta actividade anímanos a continuar con esta celebración, que tamén pretende fomentar o respecto polo medio ambiente”.

Programación X Festa Popular do Concello de Baltar

Verónica López explicou a programación da xornada:

  • Comezará ás 16.00 horas coa celebración de xogos tradicionais: tute e brisca, damas e xadrez, chave e billarda, rá e futbolín, ping-pong e xogo da porca, vintos e carreira de sacos, e tiro á corda.
  • Así mesmo, ás 17.15 horas haberá animación especial con inchables e toro mecánico para os máis pequenos
  • A partir das 20.15 horas terá lugar unha exhibición de parapente e paramotor. Posteriormente, proxectarase un vídeo en defensa da natureza
  • Ás 21.30 horas tomará o protagonismo da xornada a gastronomía cunha merenda-cea con degustación de produtos da terra, amenizada polo grupo Xeitosiñas de Baltar, as Concertinas de Montalegre (Portugal), a Banda de Gaitas A Raia de Baltar, e polo Grupo de Acordeonistas Bieito de Ourense.
  • Finalmente, ás 22.30 horas terá lugar a sesión de noite co Trío Vaivén, e á medianoite realizarase unha proba voluntaria de alcoholemia na que se premiarán con camisetas co lema “Engánchate á vida sá” para todos aqueles que consigan un rexistro 0,0 na proba.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.