Salon Automobil Ocasion 2017Actividades Es noticia 

9º Salón do Automóbil de Ocasión esta fin de semana en Expourense

O 9º Salón do Automóbil de Ocasión celébrase durante esta fin de semana en Expourense coas mellores vantaxes en prezo, financiamento e garantías

9º Salón do Automóbil de Ocasión

Ocasión e oportunidade. Expourense ofrece dende hoxe e ata o domingo ás 20.00 h. a mellor oferta en Galicia en vehículos de ocasión, seminovos e kilómetro cero. En total, 400 vehículos de todas as marcas e modelos que ofrecen as mellores condicións xa non só no prezo (con descontos entre os 1.200 e os 8.000 euros), senón tamén de financiamento, seguros (co “a todo risco” de regalo en moitos casos), garantías (de ata 4 anos ou máis) e servizos engadidos. Estes son algún dos atractivos que presentan os concesionarios asociados a A.C.A.U.TO. no 9º Salón do Automóbil de Ocasión.

Esta cita contou esta mañá coa visita do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que quixo apoiar aos empresarios deste sector tan puxante na provincia. Durante a súa visita ao salón, o alcalde, guiado polo presidente de A.C.A.U.TO., Ramón Seijas, estivo acompañado por outros membros do padroado de Expourense e autoridades locais, provincias e representantes de distintos colectivos de empresarios.

O 9º Salón de Ocasión preséntase máis completo ca nunca co maior número de coches dispoñibles ata o momento. A oferta é moi ampla e poden atoparse numerosos vehículos que representan os tres eixos do mercado de ocasión: os kilómetro cero (novos que se venden así por obxectivos comerciais que indica o fabricante); seminovos (con menos de 2 anos e menos de 50.000 kilómetros froito de renting empresarial); e o de ocasión (que foi empregado por un particular e entregado no concesionario).

Logo dos bos datos acadados durante a fin de semana pasada, con datos semellantes aos de 2016, os expositores mostran o seu optimismo e contan con pechar de aquí ó domingo a venda de numerosos vehículos, xa que presentan “unha oferta completa que resposta ás necesidades de todo tipo de público e con prezos especiais só para estes días”.

Polo que respecta á compra dun vehículo de ocasión, dende A.C.A.U.T.O. recomendan acudir sempre a profesionais porque estes ofrecen unhas garantías inexistentes nas transaccións entre particulares xa que, por lei, hai que ofrecer un ano de garantía total, sendo moitas as empresas que extenden esta garantía ata dous anos ou máis, no caso dos seminovos (de 0 a 3 anos). Outra vantaxe é a xestión de documentación do proceso de compra-venda, do que se encarga o profesional. “Neste salón somos todas empresas fiables e solventes e iso ofrece moitas garantías para o comprador que sabe onde estamos se tivera algún problema ou dúbida co vehículo que merca”, explicou hoxe Ramón Seijas.

Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil durante esta fin de semana, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo do vehículo adquirido e que supón o desconto máis grande realizado en feiras deste tipo en Galicia.

O horario do 9º Salón do Automóbil de Ocasión é venres 27 de outubro de 11.00 a 20.30 h.; sábados 28 de 10.00 a 20.30 h., e domingos 29 de 11.00 a 20.00 h.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

A %d blogueros les gusta esto: