Actividades Destacado Es noticia 

48 deportistas ourensáns reciben as axudas da Deputación de Ourense

Axudas a deportistas individuais da Deputación de Ourense

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, entregou hoxe no Salón de Plenos do Pazo Provincial, as axudas a 48 deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais correspondentes ao exercicio 2018. Con esta iniciativa que leva a desenvolver a Deputación de Ourense desde o ano 1988, «preténdese premiar economicamente a estes deportistas ourensáns de disciplinas individuais pero, sobre todo, poñer en valor e recoñecer publicamente o gran esforzo e traballo que hai detrás de cada un destes deportistas que practican disciplinas individuais», explicou Rosendo Fernández.

Acto de entrega das «Becas a deportistas 2018» no Salón de Plenos da Deputación de Ourense. Preside Rosendo Fernández (VicePresidente da Deputación), Angel Cid (Xefe do Servicio de Deportes da Deputación) e unha ampla representación dos deportistas premiados

As axudas concedidas, correspondentes ao exercicio 2018, organízanse en catro grupos segundo a categoría do deportista, quedando distribuídas da seguinte maneira: no primeiro grupo atópanse oito axudas de 1.450 euros cada unha; no segundo grupo están cinco deportistas que recibirán unha axuda de 850 euros cada un deles; no terceiro grupo inclúense cinco axudas de 610 euros cada unha; e por último, no cuarto grupo están 30 deportistas cunha axuda económica de 360 euros para cada un deles. En total, a Deputación de Ourense destina preto de 30.000 euros en 48 bolsas para deportistas ourensáns procedentes de diferentes disciplinas deportivas como o piragüismo, ciclismo, ximnasia, wushu, atletismo, xadrez, taekwondo, halterofilia, natación, entre outros.

O recoñecemento a un técnico deportivo ourensán foi, nesta edición, para o mestre internacional de Wushu, José Gago Garrido.

Ademais da entrega das axudas, realizouse o tradicional recoñecemento público a un técnico deportivo ourensán que nesta edición recaeu no mestre internacional de Wushu, José Gago Garrido. Con este recoñecemento, a Deputación de Ourense quere «dar visibilidade e poñer en valor o labor que realizan os técnicos e a súa influencia na formación e rendemento dos deportistas ourensáns», explicou Rosendo Fernández.

Noticias relacionadas